“Cansos xa de percorrer camiños vellos e fracasados, temos arrenegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camiño determinado. A nosa ruta, nos primeiros pasos, quere tan só coñecer por onde non debemos ir: tódolos outros camiños poden ser nosos.”
Así comeza o manifesto “Máis alá” (1922), do vangardista Manuel Antonio e así queremos abrir a fiestra ao vento mareiro que nos empurra, como nos impulsaron sempre as xeracións de vangardistas que inspiran os vieiros da nosa historia. E dicimos “a nosa historia”, por que é desde nós e para nós, galegos e galegas do século XXI, e para o mundo enteiro, que creamos esta plataforma onde nos queremos ver representados e representadas como parte fundamental que somos da identidade galega, desde a lonxanía xeográfica que impón o transfondo emigratorio.
Somos galegas e galegos, emigrados (ou non), unidos polo compromiso coa nosa realidade, de moi diversas orixes e mestizaxes, sendo músicos, informáticos, escritoras, xubilados, ou sinxelamente, traballadores nunha realidade onde goberna a precariedade e a incerteza.
Pois a galeguidade é o mellor xeito que temos e sabemos estar neste mundo globalizado e desde ela, tecer coma redeiras afanadas na amorosa tarefa de coser todos os nós que nos unen con outros pobos e con outros humanos e outras paisaxes.
“Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!”
Facemos un chamamento a todas aquelas activistas de todos os eidos para unha unión arredor das novas tecnoloxías, que son ferramentas que nos achegan á nosa terra e nos interconectan como nunca antes sucedera, e da recuperación do poderoso espírito de tantas e tantos emigrantes, construtores de sociedades mutualistas, financiadores de escolas e agrupacións culturais, impulsores da edición da literatura e das artes galegas, contra a desmemoria, impulsores dun país a cocerse. Embaixadores, en definitiva, dun mundo mellor.
Alegría e Liberdade.
Sede benvidas e benvidos á embaixada.gal