De onde xurdíu a embaixada.gal?
Para explicarmos como se decidíu crear a embaixada.gal, hai que dicir que todo comezou en conversas nunha Taberna, como non é a primeira vez que sucede na cultura da que vimos. Quen non sabe como poden ser as conversas tabernarias? Pódese falar de todo e alén, non hai cancelas. Brillantes ideas xorden como foguetes escintilantes e ante o ollar dos tabernantes escorregan como a pinga de viño escorrega polo rebordo da cunca deixando no branco un regueiro de cor ao seu paso.
Falaban uns tabernantes sobre referendos -temática ben acaida nos últimos anos en comunidades de ascendencia xeográfica post-franquista- cando a alguén lle acordou “solicitar un referendum para decidir por unha República Federal Española?”.Calou un intre a parroquia para volver de inmediato ao balbordo. Unha voz dende o fondo da taberna esbardallou que a solución de moitos problemas podía ser crear unha embaixada na Galicia da diáspora.
As conversas de taberna son circulares, podendo falar de todo e nada ao mesmo tempo: e entre as SICAVs, como montar empresas en Alemaña, política catalá e española nun contexto de tenda online, eucaliptos e os incendios en Galicia… parecía que se ía diluíndo a idea coma o viño do ribeiro da man dalgún taberneiro. Mais a idea non deixaba de soar no caletre… E… entre brindes e clics dende países varios, na taberna virtual foi nacendo o xerme dunha Comisión de Festas. A Comisión de Festas é unha das entidades fundamentais de socialización entre veciñ@s na comunidade galaica, e a parroquia da Mittleuropa quérese artellar a canda os novos tempos…. Cando a idea da “Comisión de Festas” gaña forza na conversa da taberna e se comeza a falar da organización de concertos polo miúdo, quen toma conta é o sector feminino, con evidentes capacidades de organización práctica.
Alguén lembra o aniversario do Centro Galego de Bonn. E é falando do que facer en Bonn que sucede o BUMM. Ferven nos caletres os efluvios da taberna e as máis grandes ideas poden xurdir no tempo que leva abrir unha botella de albariño. E a Casa de Galicia Supranacional vai cobrando forza como rede de solidariedade inicialmente intercontinental artellada na nube. Os centros como puntos de encontro físico entre @s emigrantes das primeiras xeracións viran en foros aos que se accede no ecrán de computadores e teléfonos móbiles. Tamén a xente nova que agora vén non vén sempre con idea de quedar, e adoito anda itinerante de terra en terra, na diáspora galega. As fronteira dilúense e as posibilidades de comunicación virtual e física fan da Mittleuropa unha parroquia feituquiña. Os centros cumpriron a súa función, nos novos tempos algunha reinvención é necesaria. Se cadra botando man das verbas de Manuel María, “Galicia somos nós, a xente e maila fala. Se buscas a Galicia, en ti tés que atopala”.
Ás segundas xeracións de galeg@s na diáspora europea férvelle-lo sangue querendo conxugar o mellor da matria que na néboa deixaron, co mellor das terras que @s acolleron. Non querendo ser resentid@s, ou artellamos un futuro ou a sensasión é de camiñarmos cara o sinistro total. E dende a taberna á festa, a embaixada botou a andar