embaixada.gal participa en ONDA

embaixada.gal chama a todos os galegos e galegas para participar na foliada internacional e na conferencia sobre emigración que se celebrará en Santiago de Compostela.

embaixada.gal, a nova plataforma internacional da diáspora galega xestada no corazón de Europa estará presente no calendario de actividades que o concello de Santiago ofrecerá con motivo da celebración do Santiago Apóstolo na cidade.

Varios integrantes da asociación procedentes de diversos países de Europa, ofrecerán unha charla – debate sobre a situación da emigración actual no centro cívico do Romaño.

embaixada.gal fai un chamamento a todas aquelas persoas que queiran asistir e participar no programa de actividades, do mesmo xeito que a todos aqueles amantes da música e do folclore tradicional, que queiran achegarse para gozar e integrarse na Foliada Internacional programada para a noite do sábado nos xardíns do Romaño.

 

Onda – Observatorio da Nova Diáspora

ONDA, anagrama do observatorio da nova diáspora, é unha iniciativa xurdida das conversacións con varias persoas da diáspora en Galicia. “Hoxe en día, as perspectivas sobre a emigración son moi variadas. Perdura unha visión sentimental e dramática que invisibiliza e silencia aos seus protagonistas. A emigración é algo inherente na sociedade galega, as súas raíces afúndense no pasado e maniféstanse nas sucesivas diásporas da era moderna. A súa importancia é fundamental na construción da identidade. Os propios símbolos de Galicia como o himno e a bandeira nacen na emigración. ONDA créase tras comprobar que a voz e a obra dos emigrantes está ausente do debate social. É necesario elaborar un novo discurso que erradique o estereotipo imposto de “ o galego non protesta, emigra”.

Así se dirixía aos lectores deste medio, Pepe Sendón, unha persoa moi vinculada ás actividades culturais, teatrais e musicais, tradutor, guionista, escritor, letrista e creador deste amplo proxecto. O observatorio da nova diáspora pretende ser un punto de encontro permanente para unha emigración que quere mostrar sen prexuízos as vivencias e a cultura que nace nas sociedades de acollida.

O concello de Santiago acolleu a proposta con gran entusiasmo e cedeu como sede permanente de ONDA, o Centro Cívico do Romaño.

Descarga o programa de man
Descarga o Flyer de ONDA

Os Percebeiros de Laxe

Desafían ao mar en cada xornada. Os percebeiros sondan a costa galega en busca do marisco que pon nome á súa profesión, o percebe, un cobizado crustáceo que se extrae das rocas. Coa man na roca e sen perder nin un segundo o mar de vista, os percebeiros xóganse a vida para capturar un puñado de percebes. Deben sortear as arremetidas das ondas por facerse cun botín, máis escaso que arriscado, pero de gran valor.

A valentía demostrada por estes profesionais esperta a curiosidade dos que descobren esta singular práctica.

Fotos: Paula Pájaro (membro de embaixada.gal)

Gallería de fotos dos percebeiros de Laxe.


O camiño Francés

Eulália dá Silva Rocha, membro de embaixada.gal, aventurouse a realizar o Camiño de Santiago en solitario. O punto de partida foi a localidade francesa de Saint Jean Pried de Port e, por diante agardábanlle 830 km de aventuras, anécdotas, soidade,solidariedade,sufrimento, reflexión e silencio. 28 días tivo que agardar o Apóstolo para recibir a visita de Eulália na Catedral de Santiago. A súa fiel amiga e compañeira de viaxes, unha mochila con 11kg de peso repartidos entre roupa lixeira e básica especial para o aire libre, dous bastóns de apoio, un chubasqueiro, zapatos adecuados para o longo camiño e “Compeed” en abundacia para as bochas.


Cal foi a parte máis dura do Camiño?

A parte máis dura, sen dubidalo, foi o primeiro dìa; 1450 m de altitude. Unha xornada de once horas ata Rocensvalles con moitas horas de subida e unhas cantas horas máis de perigoso descenso, o que me orixinou as tres primeiras bochas do camiño. Foi un tramo que me marcou pola cantidade de cruces que hai en memoria das diferentes persoas falecidas nesta etapa do camiño.

Qué significou esta aventura na túa vida?

Unha gran experiencia e un agradecido período de reflexión. Fas o camiño con plena liberdade de mente e corpo. Valoras escoitar os paxaros piar polas mañás, o saír do sol, coñecer a xente de diferentes nacionalidades que comparten unha mesma meta contigo; sentes a liberdade do teu espírito; paz interior e exterior; gozas dun contacto directo coa natureza; a virtude de gozar do silencio, algo tan difìcil de apreciar nunha cidade como Frankfurt.

Se tiveses que destacar algo negativo que sería?

En Galicia atopeime con albergues municipais que dispoñían de marabillosas e amplas cociñas das que non podías sacar beneficio por carecer do enxoval necesario para poder servirnos e cociñar, algo que non me ocorreu no resto dos albergues nos que me aloxei durante a viaxe.

Ialma de xira por Suecia e Noruega

Non hai unha asociación máis clara que a da palabra “camiño” coa cidade de Santiago (Santiago de Compostela), especialmente cando esta asociación é levada a cabo por un dos seus embaixadores máis orgullosos, IALMA, estas 4 cantareiras encantadoras quen, despois de case 20 anos, cantan, tocan e bailan a súa rexión, Galicia, en todo o mundo.

Desde os seus comezos e Palabras Darei, o seu primeiro álbum, percorréronse tantos camiños …

Un camiño invicto en cuxos desvíos a miúdo experimentamos, inesperadamente, encontros cheos de descubrimentos; camiños que cheiran a aventura e liberdade; pasaxes escarpados que sementaron a dúbida de que camiño seguir; segue ese xiro en Ou, a fonte de novas experiencias; pegadas que se cruzaron con moitos artistas de diferentes universos, con quen non dubidaron en camiñar … unha pequena parte da súa viaxe, como Mercedes Peón, Doce Pontes, Carlos Núñez, Kepa Junkera, Eliseo Parra, pero tamén Arno, Zefiro Torna, Philippe Catherine, Renaud, Dick Van der Harst, Urban Trad, Perry Rose, …
Mentres son residentes de Bruxelas, Eva, Marisol, Natalia e Verónica están en contacto próximo e vital coa súa rexión de orixe, Galicia. A súa cultura e as súas tradicións son, de feito, a súa fonte inesgotable de inspiración, que lles permitiu construír, aos poucos, un repertorio de cancións e danzas tomadas das súas raíces, pero adaptadas á súa nova realidade, a das mulleres de hoxe, en contacto con varias culturas, varios idiomas, varias estéticas musicais.

IALMA é a referencia desta evolución musical e artística que comezou na tradición oral de Galicia e logo aventurouse nunha mestura sorprendente, cunha nova xeración de ritmos e tendencias.

«Descubrir novas culturas musicais permítenos expandirnos e coñecernos mellor»: esta é a mellor forma de definir a evolución do grupo, contribuíndo así a perpetuar, renovar e garantir a evolución deste tipo de música.

Enquisa realizada por Raquel Sertaje, membro de embaixada.gal, para a casa galega de Copenhague durante a xira de Ialma por Suecia e Noruega.

1. Contádenos un pouco como se coñecen as compoñentes de Ialma e como deciden comenzar un grupo de folk Galego en Bruxelas.

Nacemos en Bruxelas, fillas de nais e pais que emigraran. En tódalas emigracións cómpren  puntos de encontro e, no exterior, probablemente a música sexa o máis doado para se xuntar a partir do que temos. Coñecémonos de cativas. Todas bailabamos.

Viñan a miúdo mestres dende Galicia para nos aprender a bailar. Unha vez veu Carlos Xosé (de Cantigas en Santiago) e dixo “para esta danza cómpre cantar, quen quer cantar?”. As voluntarias daquel día acabamos compoñendo IALMA.

Despois, nunha das festas, veunos ver Didier Melon (do programa La Première RTBF “Le Monde est un village”) e propuxo gravarnos. El realizou a primeiriña gravación de todas, que nós non temos.

Logo descubriunos a casa EMI, que nos gravou o primeiro disco. Fará disto vinte anos o ano que vén.

En Bruxelas naceron varios grupos folk. CAMAXE, gravou un disco. OS PUNTEIROS DE BRUXELAS, gravaron unha cassette. Con todo, a primeira gaita que oímos foi nun disco flamengo,  “FLANDRIA TROPICAL”.

Tamén tivemos a influencia e axuda dos primeiros grupos folk que viñeron de Galicia: Fuxan os ventos, Xocaloma, Saraiba., .. En Bruxelas hai un festival de música folk e jazz, BROSELLA, que este ano celebra 42 edicións, e que na súa primeira edición xa contaba cun grupo galego.

2. Vós sodes fillas de pais emigrantes pertencentes a un contexto histórico moi difícil. Teredes presente a súa loita nun país estranxeiro, adaptándose a unha cultura diferente, a outro idioma. Pero vós nacíchedes nun país multicultural e democrático. Como se entende Galicia desde esa perspectiva?

Para nós é ter dúas culturas. Enriquéceste das dúas e podes valorar tanto unha coma a outra porque as coñeces, coñeces as diferenzas e mailas similitudes.

Nacer e medrar en Bruxelas -capital de tantos cruces- supón unha influencia de moitas culturas, non só a belga. E seguramente ser belga hoxe en día consiste precisamente niso. A vida é comunicación, intercambios e encontros. Tanto nas músicas como nas linguas, nas xuntanzas, no comer, no celebrar… iso é o bonito, esa é a riqueza.

Hai quen se sinta tan estranxeiro aló como aquí. Outras sentímonos tan de aquí como de aló.

Os nosos pais transmitíronnos a memoria do que viviron, dos traballos e sacrificios que pasaron para que nós puideramos ter mellor vida, e da súa loita. A loita de nosos pais era para pola democracia, pola democracia en xeral. No club “Federico García Lorca” xuntabámonos nenos e nenas de toda España. Tiñamos pañoletas vermellas e aprendiamos cantos revolucionarios, escoitabamos a Dolores Ibarruri… así eran as nosas mañás de domingo. A queima da embaixada de España en Bruxelas é un recordo de infancia, difícil de esquecermos.

Ademais da loita, aprendemos a celebrar a vida. A maneira de rematar en festa era sempre con gaita, fose galega ou asturiana, pois unha grande porcentaxe da emigración en Bruxelas viña de Asturias. Só trala fin da ditadura cobraron importancia as identidades.

En Europa, case todos os Centros Galegos se crearon trala morte de Franco, non nos anos vinte trinta como na América, entre outras razóns porque a emigración aquí foi máis tardía. O de Centro Galego de Bruxelas naceu no 1979 e foi dos primeiros.

A mellor maneira de manter a lingua era a través do canto. Se non cantásemos, nas emigracións non se falaría en galego. Hai quen o vía como un insulto e dicíannos “fala crisitiano, que non sabes falar”. Había vergoña de falar galego, e moitas e moitos atrevéronse a falar galego abertamente só ao abrir os centros, e poder xuntarse con outros galegos.

Un grande cantautor belga, Wannes Van De Velde , falecido non hai moito, lembra que en Antwerpe había sempre un gaiteiro no porto para recibir á xente galega, porque os galegos case sempre chegaban por mar, e aló vai tanto frío e é tan mesta a brétema, que seguro que lles prestaba sentir o son da gaita cando chegaban. Moitos anos despois, IALMA fixemos unha xira con el, e Wannes Van de Velde, sempre contaba a historia do gaiteiro de Amberes.

3. Como credes que as novas xeracións de galegos viven a emigración?

Hai varias xeracións.

Hai as terceiras e cuartas xeracións que naceron no pais, netos e bisnetos de galegos. E hai a xuventude que aínda está chegando.

A cuarta xeración vai perdendo o sentido de identidade galega. Unha, porque van desaparecendo os centros, é pena pero é así. E outra porque os nenos xa non se xuntan, xa non senten a necesidade de xuntarse, pois están integrados, e iso é bonito. Son belgas. Se ben, cando van a Galicia de vacacións séntense galegos. Algo sempre queda.

A mocidade que chega como novos emigrantes, lembra ás veces como eran nosos pais. Hainos que chegan e o que queren é desesperadamente tocar a gaita (sorrisos). Séntense profundamente galegos pero na obriga de atopar traballo fóra, por moitos estudos e diplomas que teñan. Teñen outra forma de xuntarse: utilizan a tecnoloxía, non precisan de centros e xúntanse nos bares. Son emigracións que viaxan moito; non son dos que quedan trinta ou corenta no mesmo país. Teñen a riqueza de saber varios idiomas e móvense moito máis dun país a outro.

Antes ías a Galicia una vez por ano, se ías… Hoxe hai facilidade para viaxar. Antes ser emigrante era unha loita. Hoxe a pena é que moita xente preparada marcha fóra, porque na terra non hai perspectivas. Coñecemos unhas mozas, con estudos avanzados en cosmética e cousas desas, en Galicia malvivían limpando farmacias. Aquí trátanas como grandes científicas.

4. Que papel ten a música na perpetuación da cultura galega? Credes que é fácil de entender fóra das nosas fronteiras?

A musica galega ten moitísima riqueza. Xa quixeran moitos ten tanta variedade de ritmos, melodías poesía… ten moita forza.

A música galega fai vibrar, sorrir, compartir, participar, aplaudir… é unha musica que fala, que che entra por dentro e que expresa ben moito máis có que adoito pensamos. É unha musica que une os pobos e que non entende de fronteiras. É unha música que ten influencias e que influencia moitas outras músicas. Calquera ser humano neste mundo se pode identificar con ela. Chega a todo o mundo. Só hai que ver a xente vibrar cando escoita os nosos cantares.

Temos cantado e conectado en galego polo mundo enteiro. Un exemplo bonito é cando fomos a países como Taiwán e cantamos diante de 10.000 persoas cun cartel -en galego- que dicía “Ialmaquerémosvos”. Ao baixarmos do escenario xa estaba o noso disco pirateado e vendíano a un euro.

En calquera lugar do mundo pode ir tocar un grupo galego. A música galega é un selo de calidade.

5. Na vosa música hai moito de morriña, pero tamén de positivismo e esperanza. Que mensaxe queres dar co voso novo álbum “Camiño (De Bruxelas a Santiago)” a Galicia e aos galegos de hoxe en día?

Cremos que hai razóns para a autoestima. Cremos que paga a pena saber quen es e de onde vés, conservar a identidade e, sen medos, exercer polo mundo de galegas, pois non somos máis nin menos ca ninguén.

A morriña transmítenola a xente maior que nos ven falar tralo concerto. Xente á que lle damos a posibilidade de recuperar a súa memoria, e coa que quedamos en contacto.

Mais aínda que falemos desa memoria nos concertos, nós queremos ir alén. Queremos continuidade, implicación, positivismo e esperanza, vivir no presente. Queremos mellorar e alegrar o mundo.

Este proxecto é como unha misión, unha misión de transmisión. Queremos que cando remate o concerto as persoas sintan forza para avanzar, para seguir o camiño.

Unha das máis bonitas anécdotas foi unha nena árabe que sempre ría de súa avoa cando cantaba na cociña e que despois de escoitarnos dixo que lle ía pedir a súa avoa que lle aprendese algún cantar. Pois se ben falamos de Galicia e cantamos en galego, nos concertos convidamos a que todas as persoas conecten coas súas raíces e valoren as súas raigames. Dende o noso ser cantámoslle á humanidade.

6. Falemos un pouco do papel da muller no mundo da música. Existe a igualdade na industria? Vedes moitas diferencia cos vosos compañeiros homes?

Está claro que non é fácil ser muller e ser artista. Temos fillos e fillas, traballo, casas que atender e unha chea de responsabilidades.

IALMA é un proxecto, cunha misión, visión e ideoloxía, e ten habido moitos cambios en IALMA. Pero hai moitas IALMAS polo mundo: mulleres loitadoras, cheas de dignidade, mulleres que dan valor a cousas moi sinceras, que transmiten alegría, paixón e grandes verdades.

No camiño temos atopado mulleres de moita forza como Manou Gallo, Ghalia Benalí, Lucilla Galeazzi, Leila Amezian, Uxia, Guadi Galego, Mercedes Peon … mulleres que nun comezo non o tiveron nada fácil, pero que despois do difícil comezo van para diante imparables. Son exemplos para todas nós.

Nós sempre nos levamos moi ben cos músicos, porque os músicos -que en “Camiño” sempre son belgas: valóns e flamengos- adoran a nosa música e a forma que temos de valorar o traballo e de compartirmos. Cada vez que imos cantar é unha viaxe, é como ir de vacacións, aínda que sexa aquí á beiriña, e queremos desfrutalo.

Hai quen nos dixo que debiamos levar saias mais curtas e escotes máis grandes. É unha problemática que posiblemente sofren todas as mulleres no escenario. Non é doado de explicar. Pero non arredamos.

Xa tivemos experiencias non bonitas de contar, nas que tivemos que intervir sen reparos. A dignidade non se perde. Podemos perder concertos, manager, músicos… pero nunca a dignidade. Nunca cedemos a chantaxes. Somos unidas e non nos treme a man. Se lle hai que lle cantar as corenta a alguén, imos todas. Non hai desculpas que vallan.

7. Traballades con nenos refuxiados. A música pode ser curativa, e é un idioma universal e punto de encontro entre culturas. Vedes conexión coa historia destes nenos coa vivida polos nosos antepasados galegos?

Como dicimos nos concertos, aos que deixan a súa terra buscando un lugar para vivir e criar os fillos, hai oitenta anos chamábanlle emigrantes, hoxe chamámoslles refuxiados. A historia é a mesma. Todas as historias de migración non voluntaria son unha mesma e soa historia. Non hai nacionalidades, hai inxustizas e anceios de esperanza.

“O cantar do refuxiado” é a historia de todas e todos os que foxen da guerra e represión na procura dun futuro. É a historia de quen ten que marchar da súa terra, non porque queira, senón porque o botan. Exactamente a mesma historia cá de nosos pais.

É un cantar que fala dos nosos devanceiros e que fala da plena actualidade. Contribuímos como sabemos a enviar unha mensaxe que a toda a xente chega. Unha mensaxe de forza, unha mensaxe de solidariedade, por respecto a quen somos, por respecto á humanidade.

8. Falades de Tempos difíciles… Temos motivos para ser optimistas?
Si.

Aínda que sexan tempos duros e haxa quen pretenda impor o medo, cremos no xénero humano, cremos nas persoas, cremos na alegría, na bondade e na beleza. Contribuímos como sabemos facelo, cantando e sorrindo. E non hai máis que ver vibrar o publico cando escoita e cando aplaude. Dá para ver que o optimismo resoa e non queda no escenario.

Os camiños son estreitos, pero existen, e hai que transitalos, para que ancheen.

Aínda que vaiamos de vagariño, camiñamos.

Hai moita boa xente no mundo, aínda que os de corazón cativo fagan moito barullo.

IALMA rodéase de boa xente. Que agasallo da vida é que outros músicos nos chamen para cantar con eles!

Proba de que firmemente cremos que cómpre e paga a pena ser optimistas, évos o título do novo proxecto no que estamos traballando, “ALEGRÍA E LIBERTÁ”. Traballo que en galego e italiano que realizamos con Lucilla Galeazzi, grande muller á que moito admiramos e que hai vinte anos era xa unha veterana que nos dicía “nenas, nunca nunca paredes de cantar”… e iso facemos…

9. Como está sendo a acollida neste tour? Que esperades da vosa visita a Escandinavia?

Este tour ten historia xa.

Unha muller que se chama Eva Omagbemi, manager de varios grupos en Suecia, escoitounos na radio belga, nun directo que fixemos en “Le Monde est une village”. Esta muller preguntoulle a unha amiga súa austríaca se nos coñecía, e foi a amiga dende Austria quen nos chamou para ver se podiamos ir a Suecia… quere dicir que xa antes de comezar foi grande a viaxe.
E antes de irmos, xa temos contactos coas galegos de Escandinavia!

Que esperamos? Nun pais no que a xente ten reputación de ser moi culta musicalmente: aportar a nosa historia, misión, proxecto e alegría. Pois a onde queira que vaiamos non só levamos a nosa música, senón a historia e o proxecto de todas as persoa que nos precederon e en nome das que falamos.

Agardamos que vos guste e que desfrutedes tanto como nós desfrutamos.

10. Un tema do voso novo álbum chámase “Seremos”. Que quere ser Ialma?
Semente nova
novo alborar
con dignidade
xente de paz

Para ver máis videos de ialma

Publicación do libro “Si fuese fácil lo haría otro. La emigración en la Europa del siglo XXI“

A escritora observadora incansable do mundo, Alejandra Praza, é oriúnda de Cabana de Bergantiños, un pequeno e acolledor recuncho bañado polas frías augas do Atlántico galego situado en “A Costa da Morte”. Sensible e práctica, destra coa palabra e a visión, esta emprendedora e forxadora de oportunidades galega-suíza-alemá, válese da cohesión como estratexia e da diplomacia como talento. No seu sentido de país reside a súa riqueza profesional e persoal e, na prosperidade e benestar das súas xentes está o seu obxectivo.
Viaxeira incansable e mariscadora de recordos e historias da emigración española desde o ano 1997 pretende plasmar neste libro parte da experiencia vivida en primeira persoa e compartida con tantos emigrantes a través dos anos e demostrar que… SE FOSE FÁCIL, FARÍAO OUTRO. (Editorial Círculo Rojo)

Se fose fácil, faríao é froito dun relatorio sobre a emigración española do século XXI presentada no Instituto Cervantes de Frankfurt, Alemaña, ante 300 persoas e do estudo e as vivencias que 22 anos de implicación activa na diáspora dan para compartir e mostrar. O relatorio “unha nova forma de emigrar”, foi levada ás escolas e universidades alemás e máis tarde ás universidades de Xapón e Zamora.

Tras o interese suscitado e a necesidade de transmitir o labor calado e abnegada de miles de emigrantes que nos foron abrindo as portas de Europa e do mundo co esforzo, a capacidade de sacrificio e a entrega ao traballo, nace este libro. A emigración é tan ampla como emigrantes dispersos polo mundo. Por iso, é moi difícil recoller cada unha destas historias. Este traballo achegaravos á diáspora máis actual, coñeceredes os diferentes perfís do emigrante, asombrarédesvos coas diferenzas entre a diáspora moderna e a dos anos 60-70, coñeceredes de primeira man historias persoais incluída a da autora, as estatísticas, a importancia do asociacionismo no exterior, o proceso de integración, as consecuencias de vivir entre dous mundos ou do retorno, como se viven un nadal fóra de casa, como crecen os pobos no verán, a importancia de aprender o idioma do país receptor, un punto de vista diferente a pé de rúa ou o sentimento tan arraigado ao emigrante como a soidade.

En fin, un resumo de por que SE FOSE FÁCIL, FARÍAO OUTRO.

Presentación do libro “Cuentos pequeños para gente menuda“

Contacontos no centro galego de Bonn

Os máis pequenos pequenos puideron asistir á presentación do libro de Alejandra Plaza, ‘Contos pequenos para xente miúda” e participar no taller- conta contos onde a solidariedade cos afectados polos incendios en Galicia estivo presente en todo momento.

A visión dos nenos sobre este tráxico suceso quedou plasmado nos seus debuxos.

Galería de fotos.

Nacen ONDA e embaixada.gal

Nacen ONDA e embaixada. gal, as dúas novas plataformas da diáspora galega do s. XXI.

A emigración é un fenómeno que envolve unha gran historia cronolóxica. A crise económica, a recesión e a falta de emprego dos últimos anos deu paso a un novo éxodo internacional. Ante a modernidade, as circunstancias sociopolíticas, unha economía globalizada, a aparición das redes sociais, as novas tecnoloxías e a necesidade de visibilizar, divulgar e darlle voz ás novas inquietudes da diáspora galega do século XXI, ONDA e embaixada.gal, xestan un novo formato de asociacionismo máis económico, máis global, máis completo, máis políglota, con asesoramento, con xente cualificada e cunha capacidade de alcance máis importante e nova.

ONDA, anagrama do observatorio da nova diáspora, é unha iniciativa xurdida das conversacións con varias persoas da diáspora en Galicia. “ Hoxe en día, as perspectivas sobre a emigración son moi variadas. Perdura unha visión sentimental e dramática que invisibiliza e silencia aos seus protagonistas. A emigración é algo inherente na sociedade galega, as súas raíces afúndense no pasado e maniféstanse nas sucesivas diásporas da era moderna. A súa importancia é fundamental na construción da identidade. Os propios símbolos de Galicia como o himno e a bandeira nacen na emigración. ONDA créase tras comprobar que a voz e a obra dos emigrantes está ausente do debate social. É necesario elaborar un novo discurso que erradique o estereotipo imposto de “ o galego non protesta, emigra ” Así se dirixía aos lectores deste medio, Pepe Sendón, unha persoa moi vinculada ás actividades culturais, teatrais e musicais, tradutor, guionista, escritor, letrista e creador deste amplo proxecto. O observatorio da nova diáspora pretende ser un punto de encontro permanente para unha emigración que quere mostrar sen prexuízos as vivencias e a cultura que nace nas sociedades de acollida. O concello de Santiago acolleu a proposta con gran entusiasmo e cedeu como sede permanente de ONDA, o Centro Cívico do Romaño.

Así mesmo, chega desde Europa embaixada.gal, unha non menos ambiciosa, plataforma informativa e participativa fundada por galegos e galegas da nova diáspora do século XXI localizada en diferentes países de Europa e fillos de emigrantes residentes en Galicia.

Ambas as iniciativas pretenden estudar, localizar, recoller e mostrar a produción artística, cultural e intelectual dentro e fóra de Galicia, ser un espazo aberto ás propostas e ideas dos transmigrantes e favorecer as achegas da mestizaxe entre culturas.

Os próximos días 20, 21 e 22 de xullo, ambas as asociacións tomarán forma como organización cidadá no Primeiro Encontro que se celebrará no Centro Sociocultural do Romaño de Santiago de Compostela. Neste Primeiro Atopo-Festival-Mostra poderase gozar, entre outras cousas, de exposicións, arte, música, cinema, literatura e debates de mans de artistas da diáspora galega.

Un fin de semana intenso ao que pode acudir todo o mundo para participar nunhas xornadas cargadas de experiencias e propostas da diáspora galega do século XXI.